A contaminación do aire repuntou en Galicia durante 2022

10 months ago 33

  • O informe anual sobre a calidade do aire de Ecoloxistas en Acción conclúe que a totalidade da poboación galega estivo exposta o ano pasado a uns niveis insalubres de contaminación.
  • Tres de cada dez galegos e galegas respiraron en 2022 un aire que incumpriría os novos estándares legais propostos pola Comisión Europea para 2030.

Informe calidad del aire en 2022

O informe elaborado por Ecoloxistas en Acción analiza os datos recollidos en 53 estacións oficiais de medición distribuídas por toda Galicia. Entre as súas principais conclusións, salientan:

  • Durante 2022 a calidade do aire en Galicia empeorou con respecto aos anos 2020 e 2021, cun aumento dos niveis de ozono troposférico e máis matizado de partículas en suspensión (PM10 e PM2,5) e dióxido de nitróxeno (NO2), aínda que sen atinxir as concentracións habituais en anos anteriores á pandemia.
  • O informe de Ecoloxistas en Acción toma como referencia os valores máximos de contaminación recomendados pola Organización Mundial da Saúde (OMS) e o obxectivo a longo prazo para protexer a vexetación da Unión Europea. De acordo a eses limiares, o aire contaminado afectou en 2022 a totalidade da poboación galega.
  • Se se toman os estándares da normativa en vigor, máis laxos que as recomendacións da OMS, non habería poboación que respirou aire contaminado nin superficie exposta a niveis de contaminación que danan a vexetación, por riba dos límites legais.
  • Tres de cada dez galegas e galegos respiraron en 2022 un aire que incumpriría os novos estándares legais propostos pola Comisión Europea para 2030, no proceso de revisión en curso da normativa de calidade do aire, o que expresa a magnitude do reto a asumir polas administracións nos próximos anos para se aliñaren coa futura lexislación.
  • As partículas en suspensión PM10 e PM2,5 seguiron a afectar principalmente as sete principais cidades e as zonas industriais de Arteixo, A Mariña e Oural (Sarria), onde se superaron os valores medios diarios e anuais recomendados pola OMS para estes contaminantes. Tamén na Galicia rural, se ben en menor medida que na urbana, se superaron os valores recomendados pola OMS para as partículas PM2,5.
  • Nas sete maiores cidades, agás en Lugo e Ferrol, superouse o valor medio anual recomendado pola OMS para o dióxido de nitróxeno (NO2), como consecuencia do intenso tráfico motorizado. Os niveis máis altos volvéronse rexistrar na Coruña e en Vigo. Na área metropolitana de Vigo tamén se superou o novo límite legal proposto pola Comisión Europea, o que ademais non aconteceu só para o NO2 senón tamén para as partículas en suspensión.
  • O valor máximo diario de dióxido de xofre (SO2) recomendado pola OMS superouse en Arteixo e Oural (Sarria), baixo a influencia das emisións da refinaría de petróleo de Repsol e de Votorantim Cementos Oural, respectivamente.
  • Superouse o valor medio anual recomendado pola OMS para o canceríxeno benzopireno (BaP) na área industrial situada entre A Coruña e Arteixo e nas contornas da fábrica de coches de Stellantis en Vigo e da planta de produción eléctrica con biomasa de Greenalia en Teixeiro (Curtis). Trátase dun feito moi preocupante que debería levar á Xunta a ampliar as medicións deste contaminante e a profundar no estudo das súas fontes, entre as que destacan a industria e a queima de biomasa para obter enerxía ou en incendios forestais.
  • As estacións de medición A Alameda (Ourense), Coia e Oeste (Vigo), Buscás (Ordes), Lalín, Magdalena (As Pontes) e Campelo (Poio) rexistraron superacións do limiar de información á poboación por episodios de contaminación por ozono troposférico (O3) durante a vaga de calor de mediados de xullo, superacións sobre as que a Xunta limitouse a difundir avisos informativos rutineiros.
  • Aínda que a crise climática confírmase como un factor determinante no agravamento dos episodios de mala calidade do aire, o factor esencial para explicar a repunta da contaminación atmosférica durante 2022 é a recuperación da mobilidade motorizada e da actividade económica previas á pandemia da COVID-19.
  • A única forma de mellorarmos a calidade do aire nas cidades é diminuír o tráfico motorizado, potenciando a mobilidade activa peonil e ciclista e o transporte público. Tamén é necesario, en todo o territorio, promover o aforro enerxético, adoptar as mellores técnicas industriais dispoñibles, pechar as centrais térmicas de combustibles fósiles, penalizar o diésel, reducir o uso do avión, designar unha área de control das emisións do transporte marítimo e unha moratoria das novas macrogranjas gandeiras.

La entrada A contaminación do aire repuntou en Galicia durante 2022 aparece primero en Ecologistas en Acción.

Read Entire Article