Alertan sobre novos proxectos de minaría de ouro nos Ancares

10 months ago 46

  • Ecoloxistas en Acción rexeita a autorización de novas minas de ouro e pide avanzar na reciclaxe de aparellos eléctricos e electrónicos.
  • A organización ecoloxista asegura que mediante a recuperación de metais pódese cubrir a demanda de minerais como o ouro sendo innecesario abrir máis minas.

Ecoloxistas en Acción, xunto con ducias de colectivos e comunidades afectadas presentaron alegacións opoñéndose ao cuarto permiso de investigación mineiro de ouro solicitado pola empresa canadense Western Metallica no concello asturiano de Ibias, desta volta a apenas 150 metros do límite co concello galego de Navia de Suarna e do Lugar de Importancia Comunitaria Os Ancares – O Courel.

As organizacións ecoloxistas en Asturias e Galicia denuncian que a Dirección Xeral de Minaría do Principado admitira o permiso de investigación sen a preceptiva avaliación de impacto ambiental, obrigatoria cando, como neste caso, é previsíbel que a actividade poida causar impactos directos ou indirectos sobre espazos protexidos. Destacan tamén a absoluta falta de detalle e rigor da documentación presentada, que mesmo omite a existencia dos espazos protexidos e non estabelece ningunha medida para minimizar impactos.

Este permiso, que afecta tanto á parroquia asturiana de Sena, en Ibias, como á de Santo Estevo da Ribeira, xa en terras de Navia de Suarna, súma aos tres xa concedidos á empresa canadiense en zonas próximas á raia entre as dúas comunidades e que forman parte dunha nova “febre do ouro” na comarca do Eo-Navia e occidente de Asturias. A estos permisos hai que engadir a última tentativa de abrir unha mina de ouro nas Lagoas de Salave, en Tapia, que verterían as súas augas contaminadas directamente ao mar, cos consecuentes impactos sobre a pesca, o marisqueo e a biodiversidade mariña.

Desde Ecoloxistas en Acción manifestan o seu rexeitamento frontal á abertura de novas minas de ouro, unha vez que o subministro deste metal para usos non especulativos pode garantizarse a perpetuidade mediante a recuperación de metais e minaría urbana. Por exemplo, a planta de recuperación de metais desde residuos eléctricos e electrónicos de Umicore na Bélxica produce anualmente 100 toneladas de ouro e 2.400 toneladas de prata, mentres que, en comparación, a compañía canadense Rio Narcea Gold Mines obtivo na mina de El Valle-Boinás apenas 27 toneladas nunha década, provocando a contaminación do río Cauxa con arsénico, selenio, cobre e outros metais pesados. O proxecto de Salave en Tapia prevé tardar 16 anos para extraer a mesma cantidade.

Un estudo lanzado por Ecoloxistas en Acción, “Reciclaje de metales: la alternativa a la minería”, aclara que hai 100 veces máis concentración de ouro nun teléfono móbil do que en calquera das minas que se pretenden abrir, mais unha parte importante dos teléfonos desbotados e outros residuos electrónicos acaban incinerándose ou en vertedeiros, perdendo para sempre os metais valiosos que conteñen.

La entrada Alertan sobre novos proxectos de minaría de ouro nos Ancares aparece primero en Ecologistas en Acción.

Read Entire Article