Debates nos centros de ensino sobre como medrar de forma saúdabel nun mundo dixital

5 months ago 28

  • Ecoloxistas en Acción presentará os días 12, 13 e 14 a súa guía para nais, pais e docentes sobre o uso de medios dixitais, en diferentes centros de ensino de Vilagarcia, O Grove e Vigo, dentro do debate actual sobre a súa presenza no medio escolar.
  • Presentarán as alertas científicas e expertas sobre as diferentes problemáticas recoñecidas deste proceso hiperdixitalizador do proceso educativo e da sociedade nos eidos da saúde, aprendizaxe, ambiental e social.

Mostrarán as achegas e normas do ámbito científico, profesional e institucional cara a un uso dos medios dixitais que atenda a idade e situación de maior vulnerabilidade de nenas, nenos e rapazada, cara a formar persoas que afronten o uso desta tecnoloxía de forma sobria, biocompatíbel, sostíbel, ética e crítica.

Estas charlas-coloquio contarán coa colaboración do IES Armando Cotarelo Valledor de Vilagarcia, o IES As Bizocas de O Grove e o CEIP de Fonte Escura de Vigo. Pretenden abrir unha reflexión na súa comunidade educativa sobre a revolución dixital publicitada como “verde”, inocua, inmaterial, sostíbel e imprescindíbel.

Contan como relatores a Xulio Carmona, coordinador da área de dixitalización e contaminación electromagnética de Ecoloxistas en Acción, e de Javier Zarzuela Aragón, veterano docente e activista ecosocial, escritor do libro “Stop TIC INFANCIA: Por qué desdigitalizar la escuela”

Neste debate proponse identificar os distintos mitos tecnolóxicos instaurados nun proceso desregulado de hiperdixitalización.  Mostrarán o coñecemento científico actual sobre as consecuencias coñecidas do tempo de uso de pantallas e do seu inicio precoz, asociados a alteracións da saúde mental e física, así como as súas implicacións negativas no desenvolvemento cerebral e do ámbito académico e da aprendizaxe.

Abordarán igualmente a “presencia importante” en “idades temperás” de condutas aditivas relacionadas coas TIC. Darán voz ás persoas expertas que alertan e denuncian tácticas adictóxenas deliberadas e profusamente aplicadas pola industria dixital. Tácticas como as denuncias actuais de fiscais de 42 estados distintos de Norte América a META (Facebook, Instagram), por poñer en risco a saúde mental de nenas, nenos e rapazada, de forma premeditada.

Darán visibilidade aos inasumíbeis costes das tecnoloxías dixitais pola súa pegada ambiental e climática e pola perda de privacidade e o control social, como a denunciada por organizacións de dereitos humanos pola captación xeneralizada de datos do alumnado.

Mostrarán exemplos das diferentes medidas proteccionistas que se están levando na actualidade para evitar a distracción dixital e mellorar a atención na aula, así como das distintas experiencias de nais e pais cara a evitar a presión social dunha introdución precoz e ‘disruptiva’ da tecnoloxía dixital en menores.

Convocatorias:

  • Vilagarcia: día 12 ás 19:30, no IES Armando Cotarelo Valledor.
  • O Grove: día 13 ás 17:50, no IES As Bizocas.
  • En Vigo: día 14 ás 16:00, no CEIP de Fonte Escura.

La entrada Debates nos centros de ensino sobre como medrar de forma saúdabel nun mundo dixital aparece primero en Ecologistas en Acción.

Read Entire Article