Levan auga das minas de San Finx e Touro á Cámara Mineira 

7 months ago 35

  • Activistas de Ecoloxistas en Acción levan botellas de auga recollida das verteduras das minas de San Finx e Touro á sede da Cámara Oficial Mineira de Galicia, e convidan a bebela ao representante deste organismo.
  • O representante da Cámara negouse a atender a demanda das ecoloxistas, a pesar de emitir recentemente un comunicado no que aseguraba que as verteduras de San Finx eran inocuas.
  • A organización ecoloxista manifesta a súa total repulsa ás falsidades difundidas pola Cámara Oficial Mineira de Galicia en relación ás verteduras de residuos mineiros.

Activistas de Ecoloxistas en Acción entraron nas dependencias da Cámara Oficial Mineira de Galicia, situada na Coruña, con botellas de auga recollidas das verteduras procedentes das minas de San Finx e de Touro.  Integrantes da organización ecoloxista convidaron os representantes do organismo a beber auga das botellas despois de que a Cámara mineira asegurase nun comunicado que é inocua para a saúde humana e o ecosistema. O persoal da Cámara rexeitou a invitación.

Unha análise realizada en San Finx a finais de agosto evidenciaba que os niveis de cadmio, substancia tóxica e canceríxena, situábanse 78 veces por encima do nivel máximo que permite a lexislación. Os valores de cobre superaban 48 veces o tope legal. No caso de Touro, os valores que presentan os leitos próximos á mina son aínda máis elevados.

Con esta acción, Ecoloxistas en Acción pretende poñer en evidencia o papel nefasto que xoga un organismo como a Cámara Oficial Mineira de Galicia, ao que a Xunta atribuíu competencias públicas como a xestión do Censo Catastral Mineiro, a pesar de que centra os seus esforzos no lavado verde do sector mineiro, despregando, en palabras da organización ecoloxista, “un negacionismo absoluto fronte a todos os seus impactos ambientais”.

Ecoloxistas en Acción sinala que, nesta liña, o recente comunicado da Cámara Mineira acusaba á organización ecoloxista e ás confrarías de pescadores da ría de Noia de transmitir “información imprecisa, sen ningún valor científico e cun rumbo ideolóxico antiminería”. Pola contra, tanto as confrarías como Ecoloxistas en Acción encargaron informes técnicos independentes sobre as minas de San Finx e Touro, nos que se evidencia que as propostas de tratamento e xestión de residuos posta sobre a mesa polas empresas mineiras son ineficaces. Así o evidenciaron os informes elaborados polo prestixioso hidrólogo Steven H. Emerman en relación aos dous proxectos mineiros.

Ecoloxistas en Acción alerta, tanto no caso de San Finx como no de Touro, de que a posta en marcha das explotacións causaría un enorme impacto ambiental, afectando, respectivamente, ás rías de Muros-Noia e Arousa, das que dependen decenas de miles de postos de traballo directa ou indirectamente dependentes da pesca e marisqueo tradicionais.

Fronte a isto, proxectos mineiros como o de San Finx apenas contemplan 12 postos de traballo. Ana Díaz, portavoz de Ecoloxistas en Acción, declarou: “A Cámara Mineira tenta ocultar os impactos da mina de Lousame sobre a ría de Muros e Noia. Ademais defende unha explotación mineira que non conta cun proxecto de explotación válido nin unha avaliación de impacto ambiental. A cambio de subvencións e convenios, están a facer un lavado para unha Xunta de Galicia que ten numerosos funcionarios e altos cargos imputados polas irregularidades desta explotación mineira”.

La entrada Levan auga das minas de San Finx e Touro á Cámara Mineira  aparece primero en Ecologistas en Acción.

Read Entire Article