Paralizan as obras de San Finx logo de interpoñer denuncia no xulgado

9 months ago 35

  • Ecoloxistas en Acción denuncia á Directora Xeral de Desenvolvemento Rural por presuntos delitos de malversación e prevaricación ao executar as obras da mineira como parte dun contrato público de reparación dunha estrada local.
  • Alertan que as verteduras poderían comezar o día 12 de agosto logo de que Augas de Galicia extendera o prazo para finalizar as infraestruturas da mina.

Intensifícase o conflito na mina de San Finx, en Lousame, logo de que activistas de Ecoloxistas en Acción paralizasen esta mañá os traballos de instalación da tubaxe pola que a filial da empresa australiana Pivotal Metals pretende verter case 1000 millóns de litros anuais de drenaxes de mina con altas concentracións de metais pesados. Unha ducia de mariscadores e membros do grupo ecoloxista situáronse diante das máquinas mentres outro grupo disfrazado con caveiras botaba unha partida ao “MINApoly”, versión do popular xogo preparada para a ocasión coa que denuncian a corrupción que rodea esta polémica mina.

Precisamente denuncian que as infraestruturas para efectuar as verteduras están sendo executadas como parte dunha obra pública contratada pola Consellaría de Medio Rural para o asfaltado dunha estrada local, o que desde a organización ecoloxista consideran indiciario dun presunto delito de malversación de caudais públicos e prevaricación. Por iso, esta mesma semana interpuxeron denuncia penal nos xulgados de Santiago contra a Directora Xeral de Desenvolvemento Rural, Inés Santé, logo de que varios colectivos da Plataforma comarcal contra os vertidos lle demandaran a semana pasada a suspensión das obras.

Este é a quinta causa penal que se abre en relación á mina de San Finx, xuntándose ás dilixencias que se siguen contra o ex-director xeral de minas Ángel Bernardo Tahoces, que deberá declarar en Santiago con outros funcionarios igualmente imputados, así como ás abertas contra altos cargos de Augas de Galicia e contra a propia empresa mineira e os seus administradores. En paralelo, cofradías, concellos e organizacións ecoloxistas iniciaron varios contenciosos contra a autorización de vertidos outorgada pola Xunta en febreiro, confiando en que a xustiza a suspenda cautelarmente antes de que sexa demasiado tarde.

Logo da multitudinaria protesta que tivo lugar o pasado sábado na propia mina, Augas de Galicia anunciou que extendera ata o 12 de agosto o prazo para acabar as obras que permitirán realizar o vertido. Desde Ecoloxistas en Acción alertan que a “agostosidade” da Xunta busca desmobilizar a comarca situando o inicio dos vertidos en época vacacional, mais advirten que o “truco” non funcionará e anuncian máis mobilizacións durante o verán.

A operación das minas de San Finx foi autorizada ilegamente en 2009 cun proxecto non sometido a avaliación de impacto ambiental e sen participación pública. A pesar de que a propia Xunta recoñeceu recentemente a situación ilegal da mina, Augas de Galicia outorgoulle este ano unha autorización de vertido logo de máis de sete anos de tramitación totalmente irregular. A mina está a apenas 7 km da ría de Muros e Noia e o inicio das verteduras compromete a integridade dos bancos de marisqueo dos que dependen máis de 10.000 empregos directos e indirectos.

La entrada Paralizan as obras de San Finx logo de interpoñer denuncia no xulgado aparece primero en Ecologistas en Acción.

Read Entire Article